A biblioteca do Instituto de Estudios Vigueses está composta de fondos publicados polo IEV, fondos adquiridos e fondos doados. Un conxunto que supera os 12.000 volumes.

A función principal da biblioteca do IEV, con depósito na súa sede da rúa Cánovas del Castillo nº 2 – 2º de Vigo, artéllase en torno a dous eixes estratéxicos fundamentais:
- Salvagarda do patrimonio bibliográfico existente: Busca, custodia, preservación e difusión integral de toda a produción bibliográfica xerada de forma preferente no ámbito da nosa bisbarra en particular e dos estudos locais en xeral ou vinculada tematicamente a ela.
- Estímulo da investigación especializada: Apoio activo á investigación en calquera especialidade das ciencias, humanidades, arte e cultura local.
Así mesmo, a biblioteca procura a recompilación sistemática de todas as publicacións editadas en e sobre o territorio de investigación que lles é propio. Grazas a cal, a biblioteca do Instituto de Estudios Vigueses pretende consolidarse como o principal referente documental e o maior depósito de patrimonio bibliográfico do seu ámbito xeográfico para investigadores, curiosos e especialistas.
A pesar do reducido espazo do que se dispón, a biblioteca está organizada seguindo a Catalogación Decimal Universal (CDU) na que os fondos bibliográficos están ordenados por materias de forma xerárquica e decimal, perfectamente identificables con rótulos orientadores. Ademais, a base de datos dispoñible para os usuarios, permite localizar con facilidade as buscas.
Tipoloxía, Criterios de Selección e Volume dos Fondos
Para garantir a excelencia e a utilidade pública do servizo, a política de adquisición e xestión da biblioteca réxese por unha serie de criterios rigorosos orientados á especialización territorial e documental.
Criterios de Colección
- Autores locais: Obras escritas por naturais ou residentes no territorio referidos a este campo xeográfico de investigación.
- Temática local: Materias de historia, cultura, arte, sociedade local e en xeral a todos os referidos aos campos de actuación que leva a cabo a nosa institución.
- Impresor/Editor local: Obras editadas no ámbito xeográfico da nosa zona de actuación.
- Obras complementarias de carácter máis xeneralista pero que poidan servir de apoio xeral á investigación de temas referidos ao noso campo de actuación.
A biblioteca inclúe todo tipo de soportes documentais (monografías, folletos, publicacións periódicas, mapas, material gráfico e dixital).
Volume Cuantitativo
A biblioteca, actualmente en proceso de automatización do seu inventario, está conformada maioritariamente por monografías, aínda que tamén conta con folletos e documentación menor, publicacións periódicas, mapas e planos.
Réxime de Consulta, Localización e Servizos da Biblioteca
Co obxecto de maximizar a difusión do coñecemento e facilitar o acceso á cidadanía e á comunidade investigadora, os servizos da biblioteca operan baixo os seguintes principios:
- Situación e Depósito: Os fondos da biblioteca encóntranse centralizados nas instalación do centro, depositados para a súa óptima conservación e consulta pública.
- Perfil de Usuario: Está pensada a súa utilización por parte de investigadores, membros e estudantes universitarios, pero tamén está aberta a calquera cidadán interesado na cultura, historia e temática do territorio de actuación da nosa institución.
- Servizos ofrecidos: Consulta en sala, asesoramento bibliográfico especializado, préstamo interbibliotecario (segundo tipoloxía e conservación dos fondos) e acceso a catálogos dixitalizados ou repertorios bibliográficos de referencia.