O Instituto está aberto a recibir colaboracións por parte de especialistas, eruditos e profesionais que estean a traballar en temas que teñan como marco a cidade de Vigo.

Neste senso, serán benvidos tamén outros estudos máis xenéricos que dalgún xeito atinxan á urbe olívica e ó seu entorno máis directo, así como as recesións críticas de obras que se acaben de publicar ou de reedicións de “clásicos”. Algúns traballos realizados en centros escolares (catalogacións de patrimonio, recollida de lendas, refráns, etc., testemuños das persoas maiores) tamén son susceptibles de ter boa acollida.


Ditas colaboracións, dependendo da súa extensión e formato, quedarían plasmadas e accesibles ó público nalgún dos tres formatos dispoñibles:

  • A sección de artigos da páxina web do IEV, pensada para divulgar estudos breves ou fragmentos de estudos máis amplos.
  • No Boletín do IEV Glaucopis. Soporte para traballos de máis calado ou artigos de nivel universitario, que ademais admite mellor as ilustracións de variada índole. Estas investigacións deben axustarse ás normas (incluídas no documento anexo ao final desta páxina) e obter o visto bo da Comisión de Publicacións. Os orixinais remitiránse á sede do Instituto antes do mes de setembro.
  • Excepcionalmente, nunha monografía (caderniño, libro). Para traballos de certa extensión e de calidade máis que aceptable. Asemade de estar suxeitos á normativa dictada nos aspectos formais e ó filtro minucioso da Comisión de Publicacións, non poden exceder un número de páxinas razoable e quedarán a expensas das posibilidades dos orzamentos da Institución en cada ano económico.

Admitiranse orixinais escritos nas dúas linguas oficias da Comunidade Autónoma; no caso de optar polo idioma galego, deberá estar escrito sempre de xeito correcto, respectando a normativa oficial vixente.

O IEV está así mesmo aberto á colaboración con outras institucións, tanto na elaboración de proxectos como na súa edición, tendo xa experiencia neste eido.

Cómpre advertir que, con independencia da liña metodolóxica e da temática, existe unha cota de calidade mínima directamente relacionada co rigor dos traballos. Todo orixinal que se reciba debe pasar pola Comisión de Publicacións do IEV; esta emitirá un informe en función do cal tomará unha decisión inapelable a Xunta Directiva, a cal determinará o lugar que lle corresponde na orde de edición.

Os traballos non aceptados, tras previa comunicación, poderán recollerse nos locais do IEV en horario de oficina. Pasados tres meses o Instituto quedará desvencellado da súa custodia.
Os orixinais que se desexe publicar en calquera dos devanditos formatos terán que aterse ás normas de publicación que de seguido van relacionadas; do contrario non serán admitidos.